martes, 17 de setembro de 2013

Renuncia

Un novo galo no galiñeiro
Nun medio como o televisivo, tan dado ás présas, son sempre de agradecer propostas como a de Boardwalk Empire. Ritmo lento e espazo para reflectir sobre o que estamos a ver; situacións que maduran ao seu tempo e as pezas que van caendo de vagar no seu sitio. Segundo capítulo, segundo chanzo.
Boardwalk Empire
Resignation
Dirixido por Alik Sakharov
Escrito por Dennis Lehane e Howard Korder
4ª Temporada, capítulo 2
15 de Setembro de 2013
O rei do Onyx
Un asasinato no episodio anterior permite introducir neste Resignation ao Dr. Valentin Narcisse, enigmático capo negro cun particular gosto polas citas bíblicas. Parece que ten interese en Chalky, veremos se para facerlle a guerra ou para gañar un aliado. De momento, serveu para introducir o tema racial: é Chalky o seu propio amo ou só un servo de Nucky. Como o capítulo vai de renuncias: un 30% dos beneficios do Onyx a favor do Dr. Narcisse ou a autoridade sobre o clube a favor de Nucky.

O señor O'Banion quere o seu diñeiro.
Se Boardwalk Empire non fose Boardwalk Empire e fose calquer outra serie do montón sería inconcebíbel que no primeiro capítulo da temporada non aparecesen personaxes importantes como Van Alden ou Margaret. Mais aquí, se se considera que non aportan nada, de momento, á narración, e que Nelson e Margaret deben permanecer desaparecidos, pois que así sexa e xa está. Por agora contentémonos con que nesta segunda entrega por fin apareza o ex-axente Van Alden. Neste caso, a renuncia de Nelson é doutro tipo, a súa nova familia e a construción dun lar obríganlle a tragarse a súa moral (xa abondo castigada en temporadas anteriores) e converterse nun mafioso máis.

E que tal Richard Harrow de volta no seu lar? Os regresos nunca son fáciles e máis se tes ás túas costas a historia que ten Richard. A guerra matouno en vida e cando parecía que encontrara unha familia e unha nova forma de vivir, pérdeo todo de novo. Agora, incapaz de volver a matar, ábrese un momento de incertidume para el.

Un can moribundo
Pola súa parte o axente Knox, ao que víamos como un especie de psicópata, resulta que é un infiltrado. Con J. Edgar Hoover fomos topar nen máis nen menos. Á frente do Bureau of Investigation (o que pouco máis tarde será o FBI) promete unha luita sen cuartel contra o sindicato do crime recurrindo, se for preciso, a métodos ilegais e/ou carentes de ética.

Os diálogos sólidos e intelixentes de costume, a impecábel recreación histórica de sempre e o bon gosto no aspeito visual. Digamos, entón, que Boardwalk Empire progresa adecuadamente, sen présa mais sen pausa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario