Onte enfrentábanse en Maracaná dúas das grandes superpotencias futebolísticas do momento. A anfitrioa, a sempre temíbel Brasil, e a equipa hexemónica dos últimos anos, España. As previsións apontaban a duelo igualado con alternancias no marcador: equivocáronse.
Boa parte da culpa neste erro de análise pode estar no feito de que un dos opoñentes decidise non concorrer. E é que España está acomodada. Confía tanto na imposición da súa lóxica futebolística, a do toque sen fin do binomio culé Xavi-Iniesta, que non contempla a posibilidade de fracaso. Só así se entende que logo do gol nos primeiros minutos e o dominio inicial brasileiro, a resposta de España se limitase a un disparo desde lonxe e a breves lategazos de toque. A fórmula parece estar a esgotarse, veremos.
Se onte algunha equipa tivo fé na vitoria, esa foi Brasil. Desde os mesmos prolegómenos (impresionante o hino brasileiro cantado a capela por todo o estadio) ficaba claro que ían a pola vitoria, que luitarían por ela. Unha presión asfixiante como facía tempo que non vía facer a unha equipa, brigando por cada balón, con faltas e agresividade si, mas nunca caendo no xogo suxo. Pasemos por alto que este non é o xogo tradicional da canarinha e que a Brasil sempre se lle exixe máis, esta equipa postúlase como unha das máis serias candidatas para o título mundial.
Ule a final de ciclo. Muitas das pezas sobre as que se asentou o proxecto español dos últimos anos non está claro que cheguen en bo estado á cita mundialística do ano que vén. Del Bosque parece un bo alineador e un bon xestor de banquillos cheos de egos, mais ofece máis dúbidas á hora encontrar pezas de substitución ou solucións aos novos problemas. Quen recollerá o cetro? Os italianos foran os primeiros en amosaren as debilidades da Campeoa, Brasil acaba de demostrar que é capaz de derrotar a España e xoga na casa, a Arxentina conta con Messi, a Alemaña de Joachim Löw ten muito futebol. De aquí a un ano, comezaremos a desbelar algunhas destas incógnitas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario