martes, 16 de xullo de 2013

The East e os ecoterroristas hippys

Dando paos de cego
Un grupo ecoterrorista coñecido como The East decidido a atacar diferentes multinacionais coa lei do ollo por ollo («se ti nos espías, nós espiámoste; se ti nos envelenas, nós envelenámoste») e unha empresa de intelixencia privada que decide enviar unha das súas axentes, Sarah Moss, para tentar infiltrarse neste grupo. Este é o punto de partida argumental de The East.
The East
Dirixida por Zal Batmanglij
Escrita por Zal Batmanglij e Brit Marling
2013
Este é un filme de intriga e espionaxe que pretende, supoñemos, axitar as nosas conciencias acerca da causa medioambiental sinalando a falta de escrúpulos das grandes multinacionais. Porén a obra non deixa de ofrecer unha leitura inocente e superficial tanto dos movementos antisistema como das propias engranaxes que moven o mundo.

Os membros de The East ou, mellor dito, a propia organización cos seus ritos e formas de socializar, aparecen totalmente caricaturizados como unha especie de secta hippy/«canfrauta» (como carallo se di perroflauta en galego?). A escena das culleres e as camisas de forza (si, si, lestes ben) resulta particularmente patética. Xúroo, estiven a punto de erguerme e sair da sala.

A transformación «ideolóxica» de Sarah tamén é pouco convincente. En serio, vense cambios de bando nos típicos filmes chorras muito máis logrados e congruentes. A protagonista non parece ser convencida por medio do discurso ideolóxico (discurso que, por outra parte, está praticamente ausente, alén do simple eslógan) senón a través das propias persoas, Sarah encaríñase destes hippys e da súa forma de vida. Despois de ver e coñecer algunhas das cousas que ve, como é posíbel que continúe a traballar para a empresa para a que traballa se vai contra o seu código moral? E certo que parece ter dúbidas, mais continúa a ser fiel á súa empresa pasándolle informes. E por que decide traizoar máis adiante á súa empresa? Ah, o amor, coma sempre. Só cando Benji, o líder do grupo e co cal se liou, a pon na obriga de escoller entre traizoalo a el e a súa causa ou á súa empresa, toma definitivamente partido polos primeiros.

Mais o peor vén ao final da historia, momento no cal sae á luz o contido moralizante desta fábula contemporánea. As contradicións entre a recén conversa Sarah e o grupo emerxen, a vía reformista ou a vía revolucionaria, poderíamos dicir. A escolla da protagonista, a do filme, é a de convencer individualmente a cada un dos seus compañeiros para que muden de opinión amosándolles o que esas empresas están a facer. Segundo The East a transformación social vén a través da acción individual, non a través da acción colectiva.

Conclusión? Plantexamento inicial interesante, boas intencións, mais cun resultado final decepcionante: produto de entretemento que caricaturiza o entorno antisistema e cunha crítica débil e posibilista do sistema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario