![]() |
| Parella de ases |
Polo que puiden pescudar, Breaking Bad, é unha expresión propia do Sur dos Estados Unidos que é utilizada cando alguén se sae do seu carreiro habitual para facer cousas perigosas ou fóra do límite da lei. E esta é a esencia da serie, a transformación dun simple profesor de química de secundaria nun perigoso narco tras lle ter sido diagnosticado un cancro. Ao longo destes seis anos asistimos a unha continua fuxida cara diante de Walter White e o seu compañeiro Jesse Pinkman, na cal se viron envoltos en roubos, enganos e traicións, asasinatos acidentais e violentos, envelenamentos, etc.
Para os non crentes: por que deberíades ver Breaking Bad? Polos seus toques de humor negro como o chapapote. Polas situacións (absurdas en máis dunha ocasión) ás que nos leva que nos fan cuestionar a moralidade das súas personaxes. Polas súas interpretacións maxistrais, especialmente as de Bryan Cranston e Aaron Paul. Polos seus guións cheos de diálogos demoledores, con personaxes cunha evolución coherente (non tan habitual como puidera parecer na TV) e xiros inesperados pero naturais. Pola súa estética: esas paisaxes de New Mexico, os planos fixos a alta velocidade, a cor, a cámara situada nos lugares máis inverosímeis, etc. Ou simplemente, porque capítulo a capítulo Breaking Bad consegue trascender o medio televisivo sabendo crear unha verdadeira obra de arte.
Para os fieis: desfrutemos do pouco que resta. Oito capítulos, só oito, e coñeceremos o desenlace. Saberemos, por fin, quen se sae coa súa, o pai de familia ou o traficante de droga, Walter White ou Heisenberg. Asitiremos á redención final de Mr. White ou ao seu descenso definitivo aos infernos? Sexa como for, teñamos fé en Gilligan e os seus, porque unha serie grande como esta merece un final acorde. Non esperamos outra cousa, non desexamos outra cousa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario