martes, 13 de agosto de 2013

Diñeiro manchado de sangue

Algo se interpón entre nós

Finalmente chegou o día. Breaking Bad entra novamente nas nosas vidas para pór ponto final a estes seis anos de maxisterio televisivo.

Breaking Bad
Blood Money
Dirixido por Bryan Cranston
Escrito por Peter Gould
5ª Temporada, capítulo 9
11 de Agosto de 2013

Comezamos, como o ano pasado, cun salto adiante na trama para ver ao Walter do futuro. Máis un fragmento breve para lanzar conxeturas ao ar e criar expectación nas bancadas. O que pasou na casa?, para que quer Walter a dose de veleno que agochara tras o enchufe?, estará Carol, a veciña, involucrada?, etc.

De imediato volvemos ao presente para retomar a acción xusto onde a deixáramos: no cuarto de baño. «W.W.»: Walt Whitman ou Walter White. Sorpresa, incredulidade, estupor. E maos á obra. Cómpre confirmar a descoberta, cómpre encontrar todas as probas posíbeis.

Sen termos en conta o divertido guión para Star Trek de Badger, o capítulo ten os seus momentos álxidos, nos dous encontros/discusións de Walter, o primeiro con Jesse e o segundo con Hank. No primeiro vemos a un Jesse derrotado. Sabe que o señor White está mentindo, mais xa non ten forzas para oporse, para seguir loitando. A carga que o xoven leva nas costas é demasiado grande, un diñeiro totalmente empapado en sangue que o atormenta. A cena na que lle entrega un faixo de billetes a un vagabundo fala por si mesma.

No segundo dos encontros asistimos a un emocionante combate puxilístico entre dous contrastados pesos pesados. Comeza cuns minutos de tanteo: unha pregunta por aqui, unha resposta evasiva por alá,... até que, bang! Walter golpea primeiro: «oes, non saberás nada deste GPS que encontrei no meu coche?». A partir de aí sucédense os golpes nunha auténtica exibición por parte dos combatentes. Mais no clímax da batalla soa a campá. Remata o capítulo no que promete ser tan só o primeiro asalto dun combate, certamente, memorábel.

Acábanse de repartir as cartas e algunhas xa están boca acima sobre a mesa. Hank sábeo e Walter sabe que Hank o sabe. O cáncer voltou, coa súa habitual virulencia, reclamando a vida do ex-profesor. Jesse está totalmente destrozado e perdeu calquer tipo de confianza en Walter. A partida debe proseguir e axiña saberemos se alguén agocha algún ás na manga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario