![]() |
| Duelo a media mañá |
Breaking BadBuriedDirixido por Michelle MacLarenEscrito por Thomas Schnauz5ª Temporada, capítulo 1018 de Agosto de 2013
Se alguén me preguntase «Como é un capítulo de Breaking Bad sen Jesse Pinkman?», eu respondería «Non sería Breaking Bad» e porén... E porén Buried é un capítulo (case) sen Pinkman que consegue manter os niveis de máis alta tensión aos que nos ten afeitos esta serie. E si, é certo que se bota de menos (cando menos eu o fago) a Jesse, mais o ritmo do capítulo, a estética, a tensión ou os toques de humor (esa cama de billetes) continúan a ser do máis puro estilo Breaking Bad.
E en ausencia de Pinkman o centro de gravidade vira cara Skyler. Unha das grandes incógnitas era saber como reaccionaría a esposa de Walter. Manteríase fiel ao seu marido ou acabaría rota e confesando? A escena no café foi reveladora. Repetindo insistentemente «Necesito un avogado?», «Creo que necesito un avogado», «Estou arrestada?», a señora White está a confirmar a súa complicidade, Skyler sábese en parte culpábel. E nestas, nós, a audiencia, tamén nos poderíamos facer a pregunta «somos cómplices?, somos culpábeis?» Desde logo eu declárome culpábel. Culpábel por sentir até fai ben pouco complicidade co señor White. Mesmo xa cara o final, véndoo facer cousas totalmente censurábeis, no fondo desexaba que se saíse coa súa ou que Jesse se tragase, máis unha vez, as súas mentiras.
Outra escena que destaco é na que Walter, co seu diñeiro xa enterrado, regresa a casa e cae desfalecido ante a súa muller no chan do cuarto de baño e a posterior conversa. Nótese como voltamos ao plantexamento inicial: un home cunha data fixada para morrer que decide tomar o camiño do crime para deixarlle o futuro resolto aos seus fillos. Por suposto, o dilema fundamental é o mesmo, mais xa nada é igual que fai uns anos, muitas cousas pasaron polo medio.
Mentres, a trama da droga, con Lydia á cabeza, vai collendo corpo. Parece ser que iremos coñecendo os detalles de vagar, deixando madurar con tempo os seus diferentes elementos. De momento xa sabemos que a Lydia non lle treme a voz se ten que ordenar unha masacre.
E xa chegamos ao final. Se no primeiro dos episodios tivemos un tête a tête Hank-Walter e neste un Hank-Skyler, o próximo promete un non menos interesante Hank-Jesse. De que lado se posicionará Jesse? Converterase na proba/testemuña que Hank necesita ou permanecerá fiel? O título do próximo episodio, Confessions, parece querer darnos a resposta.

Ningún comentario:
Publicar un comentario