domingo, 14 de xullo de 2013

Ken Vandermark: Música con forma



Fragmento dunha entrevista realizada por Tomasz Gregorczyk e Janusz Jabłoński o 18 de Marzo de 2005 en Cracovia.



- Fai un ano faláchesnos muito sobre a túa inspiración no jazz e na música clásica. Esquecéusenos preguntar sobre algo mui importante para nós, o rock.

- Cheguei ao rock realmente tarde. Eu diría que tiña unha actitude elitista hacia as formas musicais máis populares debido á miña experiencia na casa con toda a música clásica e jazz que ouvira. De xeito que non escoitei seriamente rock até a Universidade. Tiña entón uns dezaoito anos. E foi porque me decatei de que ningunha das persoas coas que saía na Universidade sabía nada sobre a música que me interesaba. Así que comecei a escoitar rock para poder falar de música. Por sorte, muita da xente coa que pasaba o tempo tiña bon gosto (risas). Daquela había muitas bandas interesantes: Hüsker Dü, The Replacements, as bandas da SST (*) e cousas polo estilo; muito do material independente americano dos '80. Desde que vivo en Chicago tamén veño pasando muito tempo con músicos de rock.

Falando das miñas preferencias, gostaba muito dun grupo chamado The Jesus Lizard, que era de Chicago, e The Ex... os Stooges tiñan cousas incríbeis. Normalmente diría que son grupos que fan cousas con forma, cancións cunha forma, en certa maneira, desestandarizada. Xeralmente gosto do auténtico carácter "rock" desa música. Así que non desfruto o rock demasiado profesional, por usar a palabra "profesional" nun sentido negativo. Como esas superproduccións grandes e profesionais, non estou interesado nelas. Eu gosto do caos. Algúns dos mellores concertos de rock nos que estiven daban a sensación de que algo se ía esfarelar. Como Shellac. Ese é un grupo que non seguía desde facía muito, mais fun velos a Londres en Novembro. Bob Weston, que toca o baixo no grupo, é amigo meu. Por primeira vez fun ver o grupo a un clube, no entorno axeitado. E matoume completamente! Quero dicir o que eles estaban a facer coa forma, a enerxía e a tensión era fantástico. Ese é o tipo de cousas das que gosto.

Realmente é extraño, porque grupos como The Ex ou ese concerto de Shellac, verdadeiramente me fan pensar nas formas musicais nas que traballo. Estilisticamente, penso que hai muitas diferenzas entre as cousas que facemos. Mais, por exemplo, a maneira en que Shellac deconstrúe as espectativas da audiencia: porque é unha banda de rock todo o mundo ten unhas expectativas de como van facer as cousas. Mais a forma que eles utilizan é mui flexíbel de xeito que poden facer cousas mui provocadoras. Anoxaron realmente a audiencia (risas), porque non fixeron o agardado. Foi sorprendente ver que está música aínda ten o poder para provocar á xente e desafiala. Realmente, aquel concerto inspiroume muito.

___________________________________________________________________________________

(*) SST Records é un selo norteamericano fundado en 1978 por Greg Ginn. Está considerado como un dos selos independentes máis importantes da década de 1980, nel gravaron, entre outras bandas, Black Flag, Sonic Youth, Minutemen, Hüsker Dü, Meat Puppets ou Dinosaur Jr.

Ningún comentario:

Publicar un comentario