luns, 1 de xullo de 2013

Star Trek (2009)

Amigos?
O 5 de Xullo estréase Star Trek Into Darkness, así que non se me ocorreu nada mellor para abrir boca que revisitar o relanzamento (ou reboot se sodes desa xente cool que o prefere dicir en inglés) de 2009 da mítica saga de ficción científica.
Star Trek
Dirixida por J. J. Abrams
Escrita por Roberto Orci,  e Alex Kurtzman
2013

Por suposto, todo depende das espectativas coas que se parta. Cando alguén escoita "filme de Star Trek" automaticamente debería pensar en que non se trata doutra cousa máis do que facer diñeiro, Star Trek é unha serie de televisión e ponto. E é certo, Hollywood é Hollywood, unha industria preparada para crear éxitos prefabricados, sen alma, sen paixón. Porén aí están algún dos filmes clásicos da saga (The Wrath of Khan sería un dos exemplos máis claros) para quitarnos a razón neste ponto. A cuestión estaría por tanto en, entretemento e espectáculo, si, mais de que tipo?

E no caso deste novo Star Trek de 2009, que toca?, hai substancia ou simple mercadotecnia? Resulta difícil contestar a esta pregunta, a primeira vez que a vin tiven unha mellor impresión do que neste segundo visionado - botémoslle a culpa ás ganas que tiña de ver algo novo de Star Trek ou ao feito de tela visto nunha sala de cinema. JJ Abrams e a súa equipa regalan ao longo do filme varios guiños aos fans da serie (todos sabíamos o que lle ía pasar ao que ía de vermello na expedición, non é?) e crea un espectáculo trepidante e cheo de acción mais, e aí é onde comezan os problemas, diso mesmo se trata, de que muitas veces temos a sensación de estarmos máis ante un filme de acción que ante unha historia de Star Trek. Botamos en falta ese ton "aburrido", reflexivo que dirían outros, que facía tan especial á saga clásica.

Non se trata tampouco de que este filme non teña espazo para a reflexión, poñamos por caso a cuestión do que é o que nos fai humanos, personalizado na figura de Spock ou, coa creación desa liña temporal paralela, de se somos nós mesmos ou son as circunstancias ás que van moldeando o noso devir. Mais a cuestión é que estas reflexións fican nun segundo plano. Ou, dito doutra maneira, se nas sagas clásicas a acción era unha ferramenta para reflectir sobre unhas ideas, nesta nova versión parece que as ideas son unha excusa ou cuartada "intelectual" para meter enormes doses de acción, cando non un simple pano de fondo.

Dito isto, esta sexta-feira voltaremos caer na trampa. Adentrarémonos na escuridade (da sala, do espazo exterior ou de Hollywood, escollede vós mesmos) nunha nova viaxe polas estrelas da nave interestelar Enterprise.

Ningún comentario:

Publicar un comentario