luns, 2 de setembro de 2013

Dous polo prezo dun, Confesións e Can raiboso

A mecha
Pasaron os días e non daba publicado o meu habitual repaso do capítulo semanal de Breaking Bad, neste caso do 11, ante tal retraso pensei que era mellor retrasalo aínda máis e facer un dous por un con o seguinte. Así que, aquí o(s) tedes:
Breaking Bad
Confessions   /   Rabid Dog
Dirixido por Michael Slovis   /   Sam Catlin
Escrito por Gennifer Hutchison   /   Sam Catlin
5ª Temporada, capítulo 11   /   12
25 de Agosto de 2013   /   1 de Setembro
Breaking Bad ten iso, que cando pensas que xa sabes por onde vai ir resulta que vai e colle por outro lado. Así que, se cando acabaron as Confesións muitos xa crían coñecer a respota ao que lle pasara á casa de Walter que tíñamos visto nun flash forward anterior, resulta que... «síntoo, amigo, probe outra vez».

No primeiro capítulo da segunda metade da temporada xa nos deran algunha pista de por onde podían ir os tiros. Víamos a Jesse destrozado, mais sobre todo e máis importante, en conflicto con o señor White. Tamén víamos o conflicto moral, a existencia duns límites que chegados certo punto nin sequera un criminal pode ultrapasar.

Desde este ponto de partida chegamos nos últimos capítulos a un enfrentamento aberto Walter-Jesse onde outras personaxes coma o cuñadísimo ou a señora White parecen converterse máis en actores secundarios. E por outro lado aparecen os conflictos morais porque parece ser que debe haber certos límites morais, ou non? Traficar con droga está mal, mais se o fas para axudar a túa familia está ben?, matar en lexítima defensa non só non é condenábel, senón que é case unha obriga, mais até onde chega esa «lexítima defensa»?, quen pode envelenar a un inocente?, e matar a alguén do seu propio bando?

Mesmo os «bons», a policía, entra en contradicións. Se resulta que Walter é un monstro segundo Hank, como podemos consideralo a el segundo este diálogo de Rabid Dog?:
- Gomi: «Se o levamos [a Jesse] aí e é unha trampa vano matar»
- Resposta de Hank: «Que?, outro
junkie morto?, cando menos teremos unha gravación de Walter disparándolle»
Aí o temos, non se trata de «facer o ben», senón de gañar este enfrentamento persoal a calquer prezo.

E agora, Jesse, o eterno sofridor da serie, ese personaxe que case sen posibilidade de eleición se veu obrigado ou empurrado por Walter a cometer diferentes delitos, o único con conciencia, parece que ten agora a solución para acabar con o Demo que é para el o señor White. Mais nótese que Walter aínda non é completamente Heisenberg. A súa dona e Saul insisten, «mándao a Belice», mais el négase. Como lle tenta facer ver Hank a Pinkman, Walter sempre o protexeu, para el continúa a ser aquel aluno que tivera fai anos.

Chegados aquí non podemos deixar de preguntarnos que é o que veremos agora. Converterase acaso tamén Jesse nun monstro por querer acabar con outro monstro? Eu só sei que non sei nada, ou bon, si: que non quero que isto acabe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario