![]() |
| Good evening, I'm Will McAvoy and this is News Night |
Comecemos polo negativo. A sensación que predomina, sobre todo na primeira temporada, é a de que se tenta dar lecións sobre como debera ser o xornalismo. Confirmar a autenticidade das novas antes de publicalas, ser obxectivos, ese tipo de cousas. E por suposto a súa redacción é sempre a que ofrece o modelo a seguir, infalíbeis, inmunes a calquer tipo de devaneo moral. Mais claro, se analizamos a súa liña editorial vemos que teñen un obxectivo claro: o Partido Republicano e, en especial, a tendencia coñecida como Tea Party. E que o Partido Demócrata non a caga nunca?
Isto lévanos a outra das cousas das que non gosto. Desde o descoñecemento do funcionamento interno dunha redacción, un non pode deixar de imaxinarse chamadas de líderes políticos, empresarios e demais poderes fácticos para presionar, directivos inmiscuíndose na liña editorial, chantaxes e sobornos, xornalistas con menos preocupacións morais, etc. Tamén boto de menos a existencia dunha maior pluralidade dentro da redacción. Imaxínome que a cousa non debe ser tan fácil. É que non hai discusións internas ou acalorados debates sobre a idoneidade de publicar unha nova ou sobre o xeito de tratala? Como digo, estes problemas afectan máis á primeira que á segunda temporada onde si se tentan correxir estes aspeitos, porén desde a miña perspectiva The Newsroom continúa a ser branda nos seus plantexamentos.
A saudade é outro dos elementos omnipresentes na serie. Por un lado a nostalxia polo xornalismo de antano. A redacción da ACN quer «voltar a facer xornalismo», o de antes si que era xornalismo e non o de agora! Mesmo nos propios créditos da primeira temporada ficaba claro este posicionamento con imaxes en branco e negro dos grandes comunicadores doutros tempos. Non vivín nos EUA daquela época e descoñezo o tipo de noticiarios que se poderían facer na altura así que non me atrevería a afirmar nada de xeito tallante, mais penso que si podo expresar as miñas dúbidas sobre a liberdade, a imparcialidade e a independencia que estes medios poderían ter nun período como a Guerra Fría.
Mais a saudade tamén se fai extensíbel aos valores e o papel no mundo dos Estados Unidos. Neste sentido é especialmente memorábel o discurso inaugural cargado de patriotismo de Will McAvoy, onde, tras acometer duras críticas contra o presente social, cultural e político do seu país, realiza unha louvanza do suposto pasado glorioso dos EUA: fomos un faro de liberdade para o mundo, levamos ao home á lúa e bla, bla, bla,... tal vez se lle esqueceran algúns pequenos detalles como o Ku Klux Klan e a segregación racial, a caza de bruxas de McCarthy, o uso masivo de armamento químico en Vietnam ou a súa participación en golpes militares contra gobernos elexidos democraticamente (Allende, Árbenz). Outro exemplo de patriotismo, esta vez na segunda temporada, é o discurso de Charlie, xefe do departamento de informativos da ACN, na noite das eleicións presidenciais: todo o mundo está a mirar para nós, somos a maior democracia do mundo e todos nos ven como un exemplo a seguir, non falledes nesta noite.
Unha última nota negativa. A serie pode resultar por momentos un pouco difícil de seguir para aquelas persoas que, coma min, non teñan un coñecemento profundo da actualidade (xeral e política en particular) dos Estados Unidos. Tampouco axuda a axilidade dos diálogos, que contribúen a que un se poida perder entre referencias a congresistas e líderes do Tea Party que, deste lado do Atlántico, soen ser auténticos descoñecidos.
Chegados a este ponto e a xulgar polo muito que me extendín no apartado negativo poderedes pensar que odio a serie. Non, tampouco é iso, despois de todo, se cheguei até o fin da segunda temporada por algo sería. Unhas das cousas que me atraen é a súa unidade e coerencia interna, cousa da que non poden presumir todas as series de televisión. E é que para ben ou para mal Aaron Sorkin é a principal mente creativa detrás de The Newsroom, sendo o seu creador e principal guionista (asina, só ou en compañía, todos e cada un dos seus capítulos), polo que, cos seus vicios e virtudes, a serie leva gravado o seu selo persoal.
Por outro lado, os diálogos, áxiles e inxeniosos, son calquer cousa menos aburridos, conseguindo atraer a nosa atención e roubándonos algún que outro sorriso (ou mesmo gargallada).
Outro elemento atractivo da serie son os seus personaxes que, en xeral, podemos calificar como simpáticos e atractivos, aínda que, iso si, bótase de menos algún fillo de puta (e cando digo fillo de puta, digo un fillo de puta de verdade - non me vale un Jerry Dantana de turno, por pór un exemplo) que poña algo de picante entre tanto "buenrollismo". Ademais, a maioría deles teñen certa tendencia ao desiquilibrio mental (reflexo, tal vez, da mesma sociedade Ocidental?) que deriva en numerosos gags e situacións cómicas motivadas polas neuras duns e outros. Aínda que, en xeral, isto consigue crear personaxes humanos, próximos e atractivos, o certo é que, por veces, estas neuras poden resultar forzadas e excesivas.
The Newsroom é, por tanto, unha serie entretida e divertida sobre o mundo do xornalismo que o público poderá encontrar abondo disfrutábel, mais a que aínda está lonxe de estar entre o mellor actualmente en emisión.

Ningún comentario:
Publicar un comentario