luns, 23 de setembro de 2013

New Hampshire, o Estado do Granito

O home doce, amábel e brillante que unha vez coñecemos,
 fai tempo que desapareceu
Necesitábamos un pequeno respiro entre o xenial Ozymandias e o adeus definitivo, e este Granite State proporciónao. Durante boa parte dos seus aproximados 50 minutos levanta o pé do acelerador, mais ollo, só é para prepararnos para un acelerón final co que deixarnos con máis ganas de cara á despedida.

Breaking Bad
Granite State
Dirixido por Peter Gould
Escrito por Peter Gould
5ª Temporada, capítulo 15
22 de Setembro de 2013
Se «A química é o estudo da transformación», logo Breaking Bad é química aplicada. De Walter White a Heisenberg. WW resístese a evidencia, non quer asumir a realidade, «todo isto, todo o que fixen, foi pola miña familia», mais a realidade dos feitos contradino.

É primeiro Saul quen llo di: «It's over» [acabouse]. Amósalle a saída digna para el e a súa familia. Entregarse coa cabeza ben alta e darlle unha posibilidade de futuro a Skyler e os seus fillos. A súa resposta: «vou matar a Jack e os seus para recuperar o diñeiro dos meus fillos».

Mais é Walter Jr. quen por fin lle abre os ollos. Máis unha demoledora chamada telefónica, como a da semana pasada, na que o señor White tenta desesperadamente aferrarse ao seu propio discurso (todo pola familia). Mentres, o seu fillo permanece calado, escoitando atentamente, até que, finalmente, estoura amosándolle o que realmente conseguiu: perder a súa familia. A Walter só lle queda unha saída, entregarse á DEA, asumir finalmente a derrota.

Tocado e afundido
Un último Whisky antes da chegada da policía e algo que chama a súa atención na TV. O matrimonio Schwartz (alguén se esquecera?) concedendo unha entrevista. E Gretchen que dá no cravo, xa non fica nada daquel home agarimoso e brillante, agora só fica Heisenberg. Despois de todo, realmente era pola familia? ou tal vez só era a excusa? Por que a cor azul?, era necesaria esa marca de mestre? e por que procurar un alcume? Porque ante todo e, a partir de certa altura, era unha cuestión de ego e orgullo, de sentirse importante tendo todo baixo control, de ver recoñecido o seu xenio e autoridade. Probabelmente Heisenberg levaba muito tempo con el (quen sabe se xa nos tempos nos que Gray Matter se fundou), mais agora xa é o único que fica en pé e, tal vez, o único que veremos en Felina.

Ningún comentario:

Publicar un comentario